INICIO
PRESENTACIÓN
INFORMACIÓN
Programa de estudos
Preguntas frecuentes
PROFESORADO
GALERÍA AUDIOVISUAL
RECURSOS
ENLACES


 

Onde se desenvolve este Máster?

Este máster desenvólvese na Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo. Lugo dista de Santiago de Compostela 105 quilómetros.

 

Cando comezará este Máster?

O máster comezou a finais do mes de setembro de 2015, concretamente, o día 25 de setembro.

 

Cales son os requisitos necesarios para acceder a este Máster?

É un máster especialmente deseñado para graduados ou diplomados nos distintos títulos de educación (mestre, educación social, pedagoxía, psicopedagoxía), e tamén moi adecuado para licenciados/graduados en Bioloxía, Xeoloxía. Xeografía ou Ciencias da Actividade Física e Deporte, así como para outros títulos relacionados coas contornas naturais como as titulacións agroforestais. No entanto, a pesar de que ningún título está excluído, para iniciar estes estudos, como perfil de ingreso, é recomendable ter algunha experiencia en asociacionismo xuvenil, coñecemento da natureza, campismo, deportes de montaña, excursionismo, capacidade narrativa e de descrición de paisaxes, nocións de seguridade en actividades ao aire libre e coñecemento de idiomas. Valorarase a posesión do nivel B1 no dominio dunha lingua estranxeira no caso de que o número de solicitantes sexa superior ao de prazas dispoñibles. Os estudantes co título de monitor de tempo libre, relacionados co asociacionismo xuvenil, poden atopar neste máster unha formación específica, moi útil para seguir traballando nesas organizacións

 

Que prezo ten?

É un máster oficial, sometido aos prezos oficiais de calquera máster oficial. Os prezos fíxaos a administración autonómica de Galicia.

 

É posible realizar matrícula parcial?

Está previsto para algúns casos especiais, debidamente xustificados. Resérvanse catro prazas para os estudantes que queiran facer una matrícula nestas condicións. Está especialmente indicado para aqueles estudantes que traballan e non teñen moito tempo dispoñible.

 

Que horario de clases terá?

O máster desenvolverase en sesións de tarde de luns a venres, ou de luns a xoves. Nalgúns casos (para realizar actividades prácticas) poderán realizarse sesións intensivas de un a tres días en fin de semana. Pero neses casos liberaría outros días da semana ou quincena. Están previstas saídas ao Courel, ás Reservas da Biosfera lucenses e á costa lucense.

Tamén se debe adiantar que haberá períodos de descanso cando na semana se intercalen días festivos. Desde a segunda semana de abril, até finais de maio os alumnos realizarán o seu período de prácticas en empresas ou institucións concertadas.

 

Para que me capacita este Máster?

É un máster especialmente deseñado para aqueles educadores e educadoras que realizan actividades en contornas naturais, tanto desde a educación formal como da educación non formal. É un tipo de máster moi habitual nos Estados Unidos e en Australia, pero pouco desenvolvido en países europeos. Proporciona unha formación superior a profesoras e profesores de educación infantil, primaria e secundaria no ámbito da natureza, educadores/as e técnicos de asociacións de tempo libre en contornas naturais, xestores de clubs de deporte na natureza, técnicos de educación e protección ambiental en concellos e administracións educativas, directores/as de aulas da natureza, directores/as de granxas-escola, directores/as de instalacións educativas en espazos protexidos, deseño de guías da natureza e itinerarios, documentación de rutas, persoas que realicen actividades educativas con maiores ou con persoas con diversidade funcional en contornos naturais.

 

Cantas convocatorias existen para o Traballo Fin de Máster e cando se pode presentar?

Existe unha única convocatoria por curso, que fixará a Comisión Académica do Máster. O Traballo Fin de Máster só se pode presentar unha vez que estean superadas todas as outras materias do Máster.

 

 

 

 

 

 

 


Top

otero.urtaza@usc.es - master.daen@usc.es